Galicia, vén. Sintea.

Información Xeográfica

Padrón

O Concello de Padrón está situado no límite xeográfico entre o sur da provincia da A Coruña e o norte da provincia de Pontevedra, separados polo río Ulla. Xunto aos municipios de Dodro e Rois conforma a Comarca do Sar, da que é capital.


Etimolóxicamente considérase que o nome de Padrón procede do "Pedrón" que se conserva baixo o altar maior da igrexa de Santiago. Segundo a tradición xacobea foi o punto de amarre da barca que trasladou o corpo sen vida do Apóstolo Santiago ata o porto de Iria Flavia.

Dende que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón convértese no principio da ruta cara ao sepulcro. Aproveitando ese impulso das peregrinacións xacobeas, Padrón comezou a crecer nunha encrucillada de camiños e, co paso do tempo, foi configurando unha estrutura urbanística que aínda na actualidade conserva unha disposición medieval: rúas estreitas organizadas ao redor dun eixo central, a rúa Longa, da que transversalmente parten as demais, intercaladas por pequenas plazuelas.


O termo municipal ten unha superficie de 48,4 quilómetros cadrados e está distribuído en cinco parroquias e 91 lugares: San Pedro de Carcacía (18 lugares), Santa María de Cruces (17), Santa María de Herbón (12), Santa María de Iria Flavia (30) e Santiago de Padrón (14).


Dende unha perspectiva socioeconómica, o Concello de Padrón caracterízase pola diversificación da súa estrutura económica, xa que, ademais de ser considerado unha despensa natural para Galicia grazas ao seu clima cálido e chuvioso, nas últimas décadas soubo crecer industrialmente, converter os seus atractivos turísticos e o paso do Camiño Portugués nunha fonte de riqueza e desenvolver un sector equilibrado para un municipio con 8.317 habitantes (ano 2021 | Fonte: Instituto Nacional de Estadística)

Dodro

Dodro limita ao oeste co concello de Rianxo, ao norte cos concellos de Rois e Lousame, ao leste co concello de Padrón e ao sur co río Ulla que o separa de Valga, situada na provincia de Pontevedra.


Dodro goza dunha posición privilexiada. Do seu límite con Padrón aparece a Veiga das Brañas, un ecosistema fluvial formado pola confluencia dos ríos Sar e Ulla que se estende nas Brañas de Laíño.

Un feito importante para Dodro foi o Pacto de Lestrobe, xuntanza política no Pazo de Hermida en 1930 no que acudiron representantes dos diversos partidos e agrupacións republicanos, que acordaron a creación da Federación Republicana Galega, que tiña como obxectivo principal loitar pola autonomía para Galicia.


As tres parroquias que conforman este concello, San Xoan de Laíño, San Xián de Laíño e Santa María de Dodro, distribuídos en 36,12 km cadrados de superficie. Os 3.017 os habitantes de Dodro están divididos en 26 aldeas: Cancela Abrea, Dodriño, A Igrexa de Dodro, Lestrobe, Revixós, Susavila, Vigo, Bexo, Bustelo, Castro, A Devesa, Imo...


No que respecta á economía, o sector servizos é o que ocupa a maior parte da poboación activa. Dodro é un concello de forte tradición agrícola e gandeira, pero nos últimos anos, unha serie de cambios e reformas fixeron que este sector quedase relegado á agricultura a tempo parcial.

Rois

O Concello de Rois presume dun entorno natural privilexiado ao suroeste da provincia da Coruña, a tan só a vinte quilómetros de Compostela. Excelentes paisaxes naturais dos que gozar nas rutas de sendeirismo; un rico patrimonio arqueolóxico e unha variada arquitectura civil e relixiosa fan de Rois un municipio que merece a pena coñecer.


O Camiño Portugués, ao sur do municipio, e o Camiño da Ría de Muros Noia, ao norte, fan de Rois un dos principais municipios xacobeos ás portas de Compostela. Ademais, limita con Padrón, berce da tradición Xacobea, e no seu territorio áchase o castro Lupario, residencia da raíña Lupa cando os discípulos trouxeron ao Apóstolo ata Santiago.

Rois regala aos visitantes a posibilidade de viaxar no tempo a través de lendas, costumes e construcións de outrora, que abarcan desde castros ata aldeas tradicionais, ademais de maxestosos pazos.


Rois nace como concello no século XIX. De feito, a Deputación da Coruña publicaba o 15 de xuño de 1836 a relación definitiva de concellos da provincia, figurando ademais das parroquias o número de veciños e veciñas. En tal publicación Rois aparece coas doce parroquias actuais e cunha poboación de 5.673 habitantes.


Nunha superficie próxima aos 93 quilómetros cadrados, o concello de Rois conta cun total de 4.493 habitantes, segundo o censo de poboación publicado polo Instituto Nacional de Estatística en xaneiro de 2021. As doce parroquias do municipio son Augasantas, Buxán, Costa, Ermedelo, Herbogo, Leroño, Ouvín, Ribasar, Rois, Seira, Sorribas e Urdilde.